Versos de combate

23/10/07

Estoutras Notas Políticas



En 1914, cando comeza a Primeira Guerra Mundial boa parte dos pintores e debuxantes europeos formaban parte desa corrente de opinión favorábel á contenda imperialista. A burguesía tardou moito tempo en acadar esa anelada guerra. E nunca o conseguiría sen o apoio da socialdemocracia. Esta última, coa súa posición privilexiada no movemento obreiro, especialmente no eido sindical, logrou arrastrar a boa parte da clase obreira ás súas posicións chauvinistas inimigas do internacionalismo proletario e, xa que logo, antagónicas á esencia do socialismo. Millóns de traballadores europeos mátanse entre eles na defensa dos intereses das burguesías europeas. Os bolcheviques na Rusia, e os espartaquistas alemáns, son algúns dos escasos exemplos de forzas resistentes á guerra imperialista. Dentro do mundo dos artistas, os poucos que se opoñen á guerra son perseguidos, tendo que coller o camiño do exilio a maior parte das veces. Entre as contadas voces rebeldes están as de Frans Masereel, Romano Rolland, Vladimir Maïakovski, ou as dos irmáns Heartfield-Herzfelde.

Porén, a partir de 1915, cando son moitos os artistas que viron a realidade da guerra e experimentaron en primeira persoa os horrores do campo de batalla, a situación muda totalmente. Non poden seguir defendendo un sistema que, non só crea esta guerra, senón que a glorifica. Cuestiónase a Arte con maiúsculas, non se pode chamar Arte a algo que xustifique un sistema como este. O movemento dadaísta racha cos valores burgueses. Non hai lugar na arte dadaísta para os sentimentos individuais.

Mais esta rebeldía fronte á orde social existente ten moitas formas de expresarse. Son moitos os que adoptan o nihilismo como porta de fuxida da realidade, outros experimentan as máis estrambóticas terapias metafísicas, algúns, nesta nova situación de caos, pasan a colaborar directamente co inimigo. Pola contra, alí onde existe unha organización comunista cun traballo práctico e teórico constante, o movemento dadaísta compromete o seu traballo á revolución. Pasou cos cubofuturistas rusos e tamén pasou na Alemaña co grupo de Berlín.


Os irmáns Heartfield/Herzfelde

“Deus castigue a Inglaterra!” Era este o saúde popular na Alemaña durante a Primeira Guerra Mundial. O saudado respostaba cun: “Que a castigue!”. A expresión era parte do coñecido popularmente como “Himno do Odio”, poema creado polo sionista xermano Ernst Lissauer. Malia que na actualidade este saúdo persiste nuns moi reducidos círculos da dereita alemá, nesa época poucos eran os que se negaban a entrar nesta manipulación chauvinista dos capitalistas xermanos. Entre os que non aceptaban estaban os irmáns Herzfeld, Helmut e Wieland. Os dous deciden mudar o seu apelido, e o primeiro tamén o nome, nun acto de evidente provocación ao poder. Así, Helmut Herzfeld pasa a chamarse John Heartfield, mentres que o seu irmán Wieland Herzfeld se conforma con engadir un e ao apelido, Herzfelde. Evidentemente non foron os únicos, e non fai falla pescudar moi lonxe para atoparmos outros exemplos, como é o caso do pintor e debuxante Georg Gross, amigo e colaborador dos irmáns, que trocou o s final do seu apelido por un z.

Os tres artistas concretan o seu ideario antimilitarista nunha revista satírica que se publica entre 1916 e 1917, Neue Jugend (Nova Mocidade). Os ataques a todo o que representa a burguesía e os capitalistas inzan todas as follas desta publicación. Ademais de artigos políticos nos que, desde posicións comunistas, se denuncia a guerra imperialista, na revista destaca o aspecto gráfico. Vemos xa apuntados parte das novas técnicas das que John Heartfield será un mestre: emprego de fotografías sobre debuxos, busca do contraste nas formas e nas cores. Son os inicios dunha nova técnica que baterá forte contra os intereses capitalistas, a fotomontaxe, aínda tendo en conta que a fotomontaxe en si, tal como escrebe sobre ela o propio John, tardaría algúns anos en chegar. Algúns autores afirman que a inspiración desta nova técnica adquiriuna Heartfield durante o tempo que participou na guerra. Alí, os soldados alemáns salvaban a censura xustapoñendo nas súas cartas fotografías: por exemplo, unha fotografía dunha festa de altos cargos do exército a carón doutra fotografía que mostra as condicións de vida dos soldados nas trincheiras. A fotografía adquire unha importancia capital en todos os artistas revolucionarios.A fotografía xa fora reivindicada en 1912 polo alemán Kurt Tucholsky, cando escribiu: “Debemos empregar moito máis as fotografías. Utilizalas para crear contradicións e comparacións. Empregar pouco texto”. O mesmo Lenin, nunha carta ao Comisario de Desenvolvemento Popular, Litkens, avogaba polo emprego masivo da fotografía como ferramenta de axitación e propaganda. John Heartfield tamén o ten claro: “Vía como a prensa burguesa empregaba fotografías acompañadas de pequenos textos para deformar a realidade. Cando a xente vía un debuxo, dicía que era unha exaxeración. A fotografía ten un efecto máis convincente. Os diarios burgueses utilizaban a fotografía para glorificar a guerra. Os obreiros tiñan que empregar a fotografía para facer as súas publicacións máis vivas, para dicir a verdade sobre a guerra.”

Un fotógrafo colaborador de Heartfield e do seu irmán, escribiu en 1916: “O pintor Heartfield tirou o pincel e colleu as tesoiras. Non polo capricho artístico ou snob de facer algo novo custase o que custase. Non. Quería explotar a forza de convición da fotografía para a clase obreira revolucionaria. Quería empregar a innegábel forza da fotografía contra os explotadores”.

A arte morreu! Viva a nova arte da máquina de Tatline!

Na Rusia, co triunfo da revolución, a vangarda artística traballa pola defensa e a construción do socialismo. Vladimir Tatline, un dos que lidera a estes artistas polo socialismo, ponlle nome a este movemento: o construtivismo. Encol das ruínas da antiga sociedade, coa súa arte e cultura burguesas, compre erguer unha nova arte. É un chamamento aos fabricantes dunha nova sociedade. Maïakovski,Popova Lioubov, Rodtschenko, Alexandra Exter, Barbara Stepanova, Lazar El-Lisstzky, Sarga Tretiakov, Nadejda Oudaltsova, Dziga Vertov, Sarga Eisenstein, Pounine, Ossip Brik, Boris Kouchner, Kasimir Malévich,... innumerábeis artistas fan das masas obreiras e campesiñas o centro da nova arte proletaria. Os líderes da Segunda Internacional conduciran a millóns de obreiros ao matadoiro da guerra imperialista. Lenin proclama o falecemento da Segunda Internacional. Nace a Internacional Comunista. Tatline idea o proxecto da nova sede do Komintern: un enorme edificio con forma de espiral. A espiral simbolizaría o renacemento, a esperanza, o progreso que porta a experiencia socialista. Malia que nunca se levou á práctica, demasiado avanzado tecnicamente para o seu tempo, o proxecto pasou a ser o símbolo da arte nova. Na URSS, nos desfiles do Primeiro de Maio, eran moitos os traballadores e traballadoras que portaban réplicas da espiral de Tatline.



Mentres, na Alemaña, non é casualidade que a fundación do Partido Comunista Alemán (KPD) coincida practicamente no tempo coa creación do Club Dadá Berlinés. Os dous nacen pouco antes da Revolución de Novembro de 1918. A nómina de artistas que poñen en marcha o Club Dadá deixa claro a importancia deste movemento: John Heartfiled, Richard Huelsenbeck, Grosz, Jefin Golyscheffe, Hannah Höch, Raoul Hausmann, Walter Mehring, Franz Jung e Johannes Baader.

Algúns destes nomes, xunto con outros artistas comunistas, todos eles vinculados ao Der Knüppel, revista satírica do KPD, crean o Grupo Vermello - Asociación de Artistas Comunistas. Nestes tempos nos calou totalmente a mensaxe burguesa da crítica ao gris intelectual ao servizo da clase obreira e do seu partido fronte ao libre e anovador intelectual que olla para o seu embigo e non fai nada contra o estado das cousas, é gratificante ler a declaración de principios destes artistas comunistas:

“Grupo Vermello - Asociación de Artistas Comunistas.
Os pintores e debuxantes organizados no Partido Comunista asociámonos nun Grupo de artistas comunistas. Os membros deste grupo, que se chama Grupo Vermello Asociación de Artistas Comunistas, somos conscientes de que un bo comunista é, en primeiro lugar, comunista, e despois obreiro cualificado, artista, etc; que os seus coñecementos e as súas competencias son ferramentas ao servizo da loita de clases.

“Fixámonos como tarefa a realizar, en estreita colaboración cos órganos locais do Partido Comunista, o programa de traballo descrito brevemente a continuación, para reforzar a propaganda comunista, a través da escritura, a imaxe e o teatro. No canto do modo de produción aínda moi anárquico dos artistas comunistas, é necesario instaurar unha colaboración planificada.

1. Organización de accións de propaganda ideolóxica unificadas.
2. Axuda práctica a todas as todas as accións revolucionarias.
3. Loita contra os vestixios ideolóxicos romántico-chauvinistas con accións proletarias.
4. Traballo de educación artístico nos barrios; deseño de murais; manuais para realizar carteis e pinturas para manifestacións e accións; apoio ás tentativas aínda pouco elaboradas de camaradas do partido de dar a coñeceren, a través das palabras e das imaxes, a mensaxe revolucionaria.
5. Organización de exposicións itinerantes.
6. Traballo ideolóxico e práctico entre os artistas revolucionarios.
7. Intervencións e toma de posición contra as manifestacións culturais contrarrevolucionarias.
8. Traballo de diferenciación cos artistas burgueses.
9. Utilización de exposicións artísticas burguesas para fins propagandísticos.
10. Establecer contactos con estudantes de escolas artísticos para conducilos ás posicións revolucionarias.
Consideramos o Grupo Vermello como un núcleo que se amplía para converterse na organización dos artistas revolucionarios proletarios da Alemaña.Varios escritores, entre os que está o dramaturgo Erwin Piscator, xa se xuntaron ao Grupo de Artistas Comunistas. Chamamos aos pintores e aos escritores axuntarse á nosa plataforma de traballo e colaborar connosco.
Berlín, 13 de Xuño de 1924.
Grupo Vermello - Asociación de Artistas Comunistas.
O presidente: George Grosz.”

Esta viaxe desde un pacifismo abstracto até a asunción dos postulados comunistas é explicada por John Heartfield:

“Cando o artista acepta a carnicería da noxenta guerra, cando xustifica a explotación, ou mesmo cando nega estas realidades porque están fora das súas competencias, o seu entusiasmo pola ‘arte’, pola ‘poesía’, a súa ‘experiencia espiritual’, etc., son unha mentira. Esta é a razón pola que o expresionismo é a maior mentira do século vinte.

“Os pintores, os poetas, os filósofos, os predicadores..., poden pintar, poetizar, filosofar ou predicar todo o que queiran, mais os fusís non deixarán de disparar. A persoa máis importante do mundo non é pintor ou poeta..., senón que é unha persoa que negocia co carbón, cos produtos alimenticios, que move os fíos do mercado e do campo de batalla.

“Antes da Revolución de 1917, o movemento Dadá era nihilista. Isto significa: destruír o ‘espiritual’ até o extremo de poder infiltrarse na verdadeira realidade. Diso resulta unha axitación militante na política e na arte. Non abonda con consideracións xerais sobre a corrupción ou a incompetencia do goberno, é necesario ir máis alá: designar nomes! quen son os culpábeis? Co nihilismo, este período tamén coñeceu a consciencia da soidade - un berro na brutalidade da corrupción, a indiferenza e a submisión servil.

“Seguidamente viron as revolucións de 1917 e 1918, a instauración do Estado soviético malia a contrarrevolución e as intervencións estranxeiras. De supero, a toma de consciencia: Non estamos sós. Máis importantes que Krupp, Thyssen, Morgan e Rockefeller, son as masas que queren extirpar as raíces da vida burguesa e queren reconstruír no seu lugar unha vida radicalmente nova. E estas masas son as nosas aliadas - realizan as cousas ás que nós apenas podemos aspirar e que non podemos acadar malia os nosos desesperados esforzos. O nihilismo deixara de ser eficaz.

“Houbo un período positivo de desenvolvemento intenso das nosas perspectivas e influencias. Desde Proletkult, pasando polos experimentalistas rusos como Tatline, Maïakovski e, sobre todo, o escritor Ehrenburg, até un progresivo cambio no centro de gravidade. A revolución tróuxonos a mensaxe : 'non estamos sós'. A lección que aprendemos dos soviets foi: non importa o como, senón o que. Non é a forma o que vale, senón o que se di, o contido.”


A revista A.I.Z.

En 1921 Lenin fai un reclamo de axuda solidaria para coas zonas da Unión Soviética nas que, por mor dos ataques imperialistas e as sabotaxes das antigas clases dominantes, especialmente os kulaks, hai importantes bolsas de poboación que están a padecer fame. A Terceira Internacional pon en marcha a International Arbeiter-Hilfe (AIH), con Willi Münzenberg, un militante comunista do KPD, ao fronte da dirección. Clara Zetkin foi a presidenta da AIH até o seu pasamento. Entre outras moitas tarefas, e aínda no 1921, a AIH crea a revista Rusland in Bild, de carácter mensual e na que se ofrece información sobre o novo estado soviético. Tan só un ano despois, a revista muda de nome para se converter no Sichel um und Hammer (Fouce e Martelo), levando ás rúas alemás máis de 100.000 exemplares e incorporando xa información sobre Alemaña. En 1925 cambia outras volta de nome: Arbeiter Illustrierte. Non duraría moito tempo este nome, e tan só dous anos despois amplíase a Arbeiter-Illustrierter-Zeitung (AIZ, revista ilustrada do traballador). Cunha tiraxe semanal de 700.000 exemplares, e superando os dous millóns de lectores, o AIZ vive o seu mellor momento en 1932.


Coa chegada ao poder dos nazis en xaneiro de 1933, e con John Heartfield saltando desde o balcón da súa casa para liscar dos novos cans do capital, a revista AIZ pasa a publicarse desde a capital checoslovaca. Reduce as súas dimensión para facilitar así a súa entrada clandestina na Alemaña nazi.

O 19 de agosto de 1936, e seguindo o impulso dado polo Komintern á liña da Fronte Popular, a publicación comunista rebautízase como Volks-Illustrierte (Volks significa pobo). Cando dous anos despois, en outono de 1938, Chamberlain e Daladier, reunidos en Múnic, agasallan a Hitler con Checoslovaquia, a redacción da revista abandona Praga e pasa a París.

Cando o AIZ organiza en 1930 unha enquisa entre os lectores para coñecer cal é o elemento máis apreciado da revista, as fotomontaxes dos irmáns Heartfield/Herzfelde (o primeiro encargado do deseño gráfico, o segundo dos textos) gozan do apoio masivo do público. Desde 1930, as fotomontaxes dos irmáns aparecen cada mes, xa sexa na portada ou na contraportada. O AIZ publica 235 fotomontaxes de Heartfield/Herzfelde ao longo da súa existencia.


Heartfield na URSS: revolución na arte soviética*

(* Este apartado corresponde a un extracto do artigo sobre John Heartfield publicado polo arquitecto Lieven Soete, un dos maiores especialistas na figura do artista alemán, en abril de 1996 no número 30 da revista Etudes Marxistas)

Convidado polo Comité Internacional dos Artistas Revolucionarios, John Heartfield chega á Unión Soviética en abril de 1931. Permanecerá un ano. Acompañado por un grupo de artistas e os fotógrafos Max Alpert e Arkadi Chaitchet, viaxa durante semanas, visita entre outras cidades Bakou, Batoumi e Odessa, para reunir material fotográfico para o proxecto A URSS en construción, dedicado á industria petroleira. Imparte conferencias a impresores e fotomontadores da fotografía no Instituto Polígrafo de Moscova, tamén a soldados do Exército Vermello e a campesiños dos kolkhozs sobre as técnicas de montaxe. Unha mostra de 300 das súas obras realízase en Moscova entre novembro de 1931 e xaneiro de 1932. É a primeira exposición individual dun artista estranxeiro na Unión Soviética. Heartfield chega á URSS nun momento no que o papel, os medios, as formas e as técnicas de axitación gráfica son obxecto de apaixonantes discusións. En febreiro de 1931, o Comité Central do PCUS aprobara unha resolución sobre a axitación e a propaganda gráfica.(...) As fotomontaxes de Heartfield pasan a estar no centro da discusión.

O 5 de abril de 1931 celébrase a primeira sesión do soviet da nosa casa editorial do Estado. Vinte e dous carteis recentemente realizados son avaliados polos traballadores. Só dous receben a súa aprobación: Debemos converternos en especialistas de Alexander Deineka (1899-1969), e A URSS é a brigada de choque do proletariado mundial, unha fotomontaxe de Gustave Klutsis (1895-1938). Os dous artistas pertencen ao grupo Outubro. Heartfield coñecía xa a este grupo. Fundado en 1928, reunía aos principais construtivistas: os arquitectos Ginzburg e Vesnin, os dramaturgos Meyerholed e Tretiakov, o poeta Maïakovski, os cineastas Eisenstein e Vertov, os fotógrafos Rodtchenko e Ignatovich, os inventores Kloutsise Lissitsky, e moitos máis. En 1931, Outubro conta cuns 500 membros, contando no seu seo coa principal asociación de pintores realistas, a Asociación dos Artistas da Rusia Revolucionaria - AARR (ou AKHRR). O grupo Outubro xa expuxera en Berlín no outono de 1930, en colaboración coa Asociación dos Artistas Plásticos Revolucionarios da Alemaña (ARBDK), na que Heartfield colaboraba. Heartfield fixera amizade cun dos membros fundador de Outubro, o debuxante Alexandre Goutnov, que estudara en Berlín nos anos 20. Traballaran xuntos durante a campaña electoral do KPD en setembro de 1930. Eles foran os que uniran a dous carneiros na porta de Brandeburgo de Berlín cun cartel no que le lía: “non voten nacional-socialista”.
A URSS é a brigada de choque do proletariado mundial. Gustave Klutsis

Na Unión Soviética, así como na Alemaña, un dos puntos de desacordo entre os artistas comunistas é a posición de Heartfield e Goutnov segundo a calo artista debe traballar como axitador e propagandista, mesturándose entre os traballadores para lles ensinar a empregar eles mesmos as armas da arte.

“Debemos sempre e en todas as partes onde sexa posíbel, empregar a fotomontaxe como medio para a loita de clases: nas escolas, nas fábricas, nos institutos científicos. Nas mans das persoas que saben utilizalo, este medio pode ser unha verdadeira arma para a loita, para a educación e para a edificación. A fotomontaxe pode tornarse nunha verdadeira arte de masas porque non necesita da participación específica de pintores ou debuxantes, abonda con saber manipular as tesoiras.” (John Heartfield, 1931, Moscova)

Durante a súas viaxe pola Alemaña entre xaneiro e febreiro de 1931, Serge Tretiakov apoia este punto de vista no nome do “operativismo”. A arte debe ser operacional. Debe tratar sobre a vida das masas: o pensamento e os sentidos, a loita e o traballo, todos os aspectos da vida diaria. É por iso que a arte utilizar unha forma de linguaxe que as masas poidan comprender. O mellor medio para crear esta nova forma de linguaxe é axudar ás masas a desenvolvelo por eles mesmos. Os operativistas son atacados por todas partes. Erza Pround, Gottfried Benn e Ludwig Marcuse defenden obxeccións de principio contra o compromiso da arte na vida práctica; na esquerda, é Johannees Becher quen ataca as posicións de Tretiakov, “o escándalo da fin da literatura”; Georges Lukacs acusao de “estragar a verdade”.

En 1928, houbo un importante debate entre o grupo de construtivistas soviéticos na súa revista Novy Lef. Alexandre Rodtchenko (1891-1956), que abandonara totalmente a pintura a partir de 1921 para empregar a fotografía como arma, mantiña unha forte controversia con Boris Kouchner (1988-1937). En novembro de 1928, Rodtchenko lanza “unha advertencia”: “Debemos crear unha nova estética para a fotografía. Busquen e atópena. Debemos dar o sinal de partida e adquirir a técnica para empregar o noso acervo socialista na axuda da fotografía. O que debe ser fotografado calquera fotógrafo afeccionado o sabe, mais como é necesario facelo, poucos o sabemos. Temos que experimentar. Combatamos a fotografía que imita a pintura, o deseño, a acuarela.” En decembro, Boris Kouchner replica: “Rodtchenko di que o máis importante é a maneira como unha fábrica é fixada pola fotografía. Mais esquece que a revolución reside precisamente no feito de que existe unha fábrica, que a construción dunha fábrica é posíbel e necesaria no sistema da economía socialista planificada. O aspecto revolucionario reside precisamente na grande diferenza coas outras fábricas que son construídas alén das nosas fronteiras. A pregunta 'como construír' ou 'como fotografar' vai en segundo lugar.” No número de decembro de Novy Lef, Serge Tratiakov expresa a posición da redacción: “Tanto no punto de vista de Rodtchenko, como na resposta de Kouchner, atopamos a mesma falta. O punto de partida funcional é deixada á marxe. Xunto as preguntas cal e como (o famoso contido e forma), está o elemento principal: o por que. Esta pregunta fai da obra un obxecto, un instrumento para un efecto orientado. Dun punto de vista funcionalista, traballar significa que os métodos e os materiais empregados están subordinados a un obxectivo ben determinado. (...) Débese comezar por preguntar pola utilidade da fotografía: fotoinformación, fotoilustración, fotografías científicas, fotografías técnicas, fotografía-cartel..., se disociamos a experiencia dos obxectivos caeremos doadamente no artisticismo. Kouchner, pola contra, reduce todo o problema á comunicación de novos feitos. Pouco lle importa como son presentados estes feitos. Mais a fotografía non é só unha constatación, debe tamén explicar. Non se pode resolver o problema volvendo á posición básica que di que o 'cal' é máis importante que o 'como'. (...) Se limitamos a fotografía a un simple rexistro dos feitos sen ter en conta a organización e a denuncia, corremos o risco de reducila a unha especialización técnica.”

Heartfield e o seu irmán resolveran esta discusión xa a comezos dos anos vinte decantándose polo “funcionalismo”.

Do 13 de abril ao 4 de maio de 1931, a nova editorial estatal soviética ISOGIS organiza o primeiro grande debate sobre a elaboración de carteis. As fotomontaxes ocupan o centro do debate. As diferenzas entre o traballo de Heartfield e o dos montadores soviéticos son enormes.En Heartfield, as partes montadas derrétense entre si para formar un novo conxunto fotográfico. A estrutura da imaxe continúa homoxénea, con transicións suaves. Moitas veces non se ve inmediatamente que se trate dunha montaxe ou dun “truco”, senón dunha nova fotografía. Certas fotomontaxes de Heartfield son realizadas, en grande parte, por distintos puntos de vista postos en escena. Son, en certa medida, fotografías dunha peza de teatro. O home continúa recoñecíbel nas fotomontaxes de Heartfield, ocupando o posto central.

Os soviéticos utilizan contrastes forte e cortantes e cortantes nas formas, nas cores e na composición. Presentan transicións bruscas entre as distintas partes das montaxes. A composición dos campos e as cores é central nos soviéticos. As novas técnicas, a arquitectura e a construción industrial están no punto de mira.

Heartfield pasara pola experiencia de elaborar coberturas para libros que conseguiran reter a ollada. Foi sendo cada vez máis económico no número de elementos a asociar na fotomontaxe. Descubriu a forza do efecto dunha nova “fotografía” creada.

Os montadores soviéticos procedían do construtivismo onde a investigación dunha nova linguaxe da forma ocupaba un lugar central.

(...) A partir do comezo de 1931, as fotomontaxes de Heartfield son expostas por toda a Unión Soviética, tanto na prensa soviética como nas revistas especializadas de arte, e tamén nos debates públicos. Como era común na Unión Soviética, as discusións eran públicas e as intervencións moi cortantes. Durante o verán, o equipa de Heartfield traballara en Batoumi e alí tivera fortes discusións co grupo de Kloutsis e o fotógrafo Fjodor Bogrorodski. Na práctica, as diferenzas e contradicións aínda eran máis evidentes.

O 8 de outubro, ten lugar un debate no Instituto de Literatura, Belas Artes e Lingüística da Academia Comunista de Moscovo. Kloutsis é criticado pola súa presentación impersoal das fotomontaxes. “No plano emocional, non funciona. As masas non poden identificarse coas fotomontaxes, e non son mobilizadas”. Janos Matza, un dos líderes de Outubro e presidente da asemblea, apoia que no tocante á forma, é necesario un menor traballo cos contrastes proposto por Kloutsis, e máis, “unha precisión das imaxes creadas pola fotomontaxe”. Durante a discusión, as fotomontaxes de Heartfield son utilizadas como exemplo. É, sobre todo, Tagirov, un amigo de Goutnov tamén membro de Outubro, quen considera a obra de Heartfield como un modelo. “Debemos amosar a arte de axitación alemá. Heartfield ten que vir cada ano durante algúns meses ao Instituto Poligráfico e comunicar as súas experiencias na fotomontaxe. Temos que empregar o seu coñecemento e a súa experiencia.” (...)

No número de novembro de Brigada Tschoudoshnikov, a revista do grupo Outubro, as obras de Heartfield e de Kloutis son confrontadas. (O que non impide que manteñan a súa boa amizade). A obra de Heartfield é apreciada pola súa “simplicidade excepcional e a súa exactitude. Heartfield utiliza apenas os elementos fotográficos e plásticos elementais e esenciais para dar á idea unha expresión condensada. É económico nos medios de observación e concéntrase nos medios de expresión”. Fronte a isto, o comentarista explica que as fotomontaxes de Kloutsis están sobrecargadas de elementos, mecanicamente montados e incoherentes na súa totalidade. O home tamén é dominado polo ambiente técnico, onde se perde. “A técnica e o home non están en harmonía orgánica.”

Heartfield é presentado de xeito cada vez máis explícito como modelo da arte da montaxe e da nova arte soviética. (...) Non é esaxerado afirmar que John Heartfield contribuíu a aparición dunha nova arte soviética que se chamará realismo socialista. O feito de que as montaxes de Heartfield fosen tan populares entre as masas antifascistas e tan odiadas polos nazis e pola burguesía demostra a precisión da súa concepción e a súa práctica artística.


Exilio

John Heartfield abandona Checoslovaquia coa ocupación nazi. Marcha para Inglaterra, pero alí as “raras” obras dun alemán son sospeitosas. Ingresa nun campo de internamento pola súa condición de “alemán hostil”. Coa axuda de Brecht e do seu irmán consigue chegar á RDA o 31 de agosto de 1950. É nomeado membro da Academia das Artes de Berlín. Retoma o traballo xunto ao seu irmán, asinando as obras como HH ou tamén Heartfield/Herzfelde. As súa obra son expostas por todo o mundo, pero sobre todo nos países socialistas: desde Berlín até Pekín, pasando por Moscova.

John Heartfield morre o 26 de abril de 1968 en Berlín. O seu irmán Wieland faino o 23 de novembro de 1988.

GALERÍA



Brancos ou negros - unidos na loita!
Só coñecemos unha raza, e só coñecemos un inimigo: a clase explotadora!
(Xullo de 1931)

Na cidade de Scottsboro, no estado de Alabama, foron acusados nove homes negros de idades entre 13 e 20 anos de violar a dúas mulleres brancas. Malia a falta de probas, aos ditames médicos que demostraban que non existira violación, a recoñecer unha das mulleres que non foran violadas... , os nove foron condenados. O Partido Comunista dos Estados Unidos, xunto coa Asociación Nacional a prol do Avance do Pobo de Cor, lideraron as protestas. Tamén houbo manifestación noutros puntos do mundo, como as que tiveron lugar na Alemaña o 13 e 14 de xuño de 1931.
Aquí podes ler un pequeno artigo do profesor de Dereito Internacional, Rodolfo Dávalos, no que se relaciona o caso Scottsboro co dos 5 Heroes Cubanos presos polos imperialismo norteamericano.





Adolf o Superhome: traga ferro e cuspe chatarra
(Xullo de 1932)

Reproducións desta fotomontaxe foron pegadas por todo Berlín en agosto de 1932.




A SÚA MAXESTADE ADOLF:
"Guiareivos cara á gloriosa bancarrota"
(Agosto de 1932)

Hitler, con bigote respigón e co uniforme e o casco do Kaiser Wilhelm II. A frase fai referencia a outra do Kaiser: “Guíovos a tempos gloriosos”. Esta fotomontaxe foi utilizada como portada da revista londiniense Picture Post, en setembro de 1939.



CREACIÓN CAPITALISTA DE EMPREGO:
Millóns de desempregados constrúen prisións para os que non poden traballar
(Setembro de 1932)



O VERDADEIRO SIGNIFICADO DO SAÚDO DE HITLER
"Apóianme millóns"
O pequeno home que pide grandes agasallos
(Outubro de 1932)

Denuncia do apoio dos grandes industriais e dos latifundistas a Hitler. A segunda frase fai referencia a que o líder nazi sempre dicía no seu discursos que o apoiarían millóns de persoas. O home de negocios, loxicamente, non quere revelar a súa cara.



15 ANOS DA UNIÓN SOVIÉTICA
"Xuramos: Non abandonaremos á nosa Patria Socialista na hora da verdade"
(Outubro de 1932)



A.I.Z. deséxalles feliz aninovo!
(Xaneiro de 1933)



ALEMAÑA HOXE!
(Abril de 1933)

O casco de ferro como símbolo da contrarrevolución



Instrumento nas mans de deus? Non, xoguete nas mans de Thyssen
(Agosto de 1933)



A CRUZ DOS ASASINOS
Cando vexas este símbolo, pensa no seguinte: O sangue dos camaradas derramouse por ti. Os seus apagados ollos falan: “TES QUE VINGARNOS!”
(Agosto de 1933)



Espectaculares avances da ciencia racial no III Reich
(Agosto de 1933)



GÖRING: O VERDUGO DO TERCEIRO REICH
Edición especial sobre a queima do Reichstag. En Leipzig, o 21 de setembro, foron levadas ante á corte catro vítimas inocentes xunto ao provocador Lubbe, nun dos máis grandes crimes. O verdadeiro autor, Göring, non comparece.
(Setembro de 1933)

O 27 de febreiro de 1933, o Reichstag ardeu. Os nazis acusaron a Marinus Van del Lubbe, un comunista holandés, de ser o causante dun lume que serviría como sinal para o levantamento comunista. Tamén acusaron de conspiración a Ernst Torgler, deputado comunista, e a tres búlgaros, Georgi Dimitrov, dirixente da Terceira Internacional, Blagoy Simon Popoy e Vassily Tanev. O KPD foi prohibido e miles de militantes arrestados e encarcerados. Desde París, Willi Münzenberg, director de AIZ, organizou unha campaña nesa cidade e tamén en Londres para dar a coñecer o que estaba acontecendo na Alemaña nazi e publicou The Brown Book of the Hitler, da que foi portada esta mesma imaxe de Heartfield. Por certo, a cara de Göring non está trucada.



UN ANO DESPOIS...
Os estáticos gatos e voitres da fachada como símbolo da innegábel bancarrota
(Febreiro de 1934)



PACTO DE VENECIA:
Fin do arrulos de paz. Atención! Rompan filas!
(Xuño de 1934)



HISTORIA NATURAL ALEMÁ
A couza da caveira alemá nas súas tres etapas de desenvolvemento: eiruga, crisálida e avelaíña.Metamorfose:Metamorfose significa: 1. Na mitoloxía: a transformación de homes en árbores, animais, pedras, etc. 2. En zooloxía: o desenvolvemento dalgúns animais que pasan por distintas etapas: larva, crisálida..., por exemplo: eiruga, crisálida e bolboreta. 3. Na historia da República de Weimar: Ebert, Hingenburg, Hitler.
(Agosto de 1934)


Friedrich Ebert, Paul von Hindenburg e Hitler foron os sucesivos presidentes de Alemaña desde 1925 até a súa derrota polo Exército Vermello.



OS MIL ANOS DO REICH:
‘O modo de vida alemán para o seguinte milenio xa está pensado: nos próximos mil nin unha revolución máis na Alemaña’, Adolf Hitler no congreso do Partido Nazi de Nurnberger
(Setembro de 1934)


Cada unha das cartas que forman o castelo é unha fotomontaxe en si mesma. Por exemplo, a carta de arriba representa ao magnate Fritz Thyssen, mentres que na carta de abaixo á dereita vemos a Hitler de tamborileiro.



Edición especial: Unidade na loita antifascista!
Unido, o fascismo amosa a súa forza. Igual na Francia que no Sarre.
Os antifascistas debemos crear unha Fronte Única!
(Outubro de 1934)



Os tres Sabios que veñen da Terra do Pesar
E imaxinan que continuarán durante 25 mil anos máis!
(Xaneiro de 1935)


Os tres sabios (os tres Reis Magos) – Goebbels, Göring e Hitler – non veñen de Oriente (Morgenland), senón da Terra do Pesar (Sorgenland), que é, como di o sinal, o Terceiro Reich.



O SÍMBOLO DA PAZ DE HITLER
"O Sarre está sendo felizmente eliminado, agora deixarei que o meu falcón se dirixa ao sur.”
(Xaneiro de 1935)


No recorte de xornal pódese ler que Habicht está activo outra vez, tras regresar de Múnic. Theodor Habicht, líder do ilegal Partido Nazi de Austria, aprovisionou de armas aos nazis austríacos até a súa expulsción do país. En alemán Habicht significa falcón. Nunha das súas patas, o falcón porta unha placa na que se pode ler: A pomba mensaxeira do Reich.



OS NAZIS XOGAN CON LUME
“Cando o mundo estea en chamas demostraremos que Moscova era a incendiaria.”
(Febreiro de 1935)


A fotomontaxe precede a dúas páxinas nas que se fala da queima do Reichstag, da que se cumpría o segundo aniversario, como unha provocación anticomunista ordenada por Göring.


O soño do pequeno trenco
Fora con eses depravados
(Setembro de 1935)


Goebbels, que aparece na imaxe tentando parar o avance soviético, naceu cunha malformación no seu pe dereito, o que lle impediu ingresar no exército.



Un lugar no Sol.
"Quero proporcionar ao meu pobo un lugar no sol", Mussolini.
(Outubro de 1935)

O 3 de outubro de 1935, Italia invade Abisinia. Ese mesmo mes, dous batallóns invasores son derrotados, mais a ineficacia das sancións da Sociedade das Nacións fai que Italia conquiste Etiopía coa axuda económica de Alemaña.



VIVA, ACABOUSE A MANTEIGA!
Göring nun discurso en Hamburgo: "O ferro fixo forte a este imperio. A manteiga e o fouciño fixeron gorda á maioría da xente"
(Decembro de 1935)


O cadro da parede di: “A querida patria dáche paz”, que é parte da letra da canción Die Wacht am Rhein, escrita por Max Schnecken. Na imaxe podemos ver os retratos de Hitler (no cadro colgado na parede) e de Hindenburg (no coxín do sofá). O surrealismo da lealdade aos nazis.



Novos exemplos da industria alimenticia nazi de 1936
(Xaneiro de 1936)


Entre os alimentos que aparecen na fotomontaxe atopamos un libro de discursos de Hitler (con touciño ario de Hitler garantido), delicatessen de xamón de gato, queixo con grandes buracos, chuleta alemá estirada (é unha percha), buterol en tubo e tamén unha lata “Blauband” con balas extraídas dun cisne recén abatido (Blaunband era unha marca de manteiga, e fai referencia a outra mítica frase nazi: “canóns antes que manteiga”).



O caso Hamsun-Ossietzky.
Knut Hamsuns candidato ao premio Novel da Paz
(Febreiro de 1936)

Carl von Ossietzky (1889-1938) foi un xornalista antifascista. Após a queima do Reichstag foi arrestado. Cando estaba aínda baixo arresto, foi proposto para o premio Novel da Paz. O gañador en 1920 do premio Novel de literatura, Knut Hamsun, un novelista noruego que durante un mitin de Gobbels ofreceu o seu premio a este, interveu no nome dos nazis para, empregando falsa documentación aportada pola Xestapo, probar que o xornalista era un traidor. Ossietzky gañou o Novel, pero non puido recollelo xa que Hitler, en 1937, prohibira que calquera alemán aceptara un premio Novel.
Na esquina superior dereita, o autor advirte de que as caras de Göring e Hitler non están trucadas.



DESPOIS DE TRES ANOS NAS SÚAS TENACES!
Escaseza de alimentos, aumento do desemprego, falta de diñeiro e materias primas
(Febreiro de 1936)



O conto de fadas de Hitler
...e o pobre alemán Michel berrou tanto que finalmente todo o mundo creu no que dicía:
“Axuda, axuda, estou cercado
(Marzo de 1936)

‘Der deutsche Michel’, expresión para caricaturizar ao alemán mediocre. Normalmente aparece representado coma un durmiñón con gorro de durmir.



Debe caer antes de que provoque a guerra!
Crear unha Fronte Popular que asegure a paz!
(Maio de 1936)


A bandeira luce os símbolos comunista (fouce e martelo) e socialdemócrata (as tres frechas). Göring aparece representado como unha máquina de guerra.



Resposta a un cartel nazi
"Nós morremos por ti! E queres traizoarnos?"
"Non, e por iso non podemos permitir que Hitler repita o crime de 1914"

(Xuño de 1936)


Os nazis utilizaran o deseño dun cartel de 1918 que representaba a soldados alemáns temerosos dunha traizón dos políticos. A “vergonza” do Tratado de Versalles era un tema recorrente.



Berlín convoca as Olimpiadas
(Xuño de 1936)



Esta é a Prosperidade que están traendo!
(Xuño de 1939)


Xogo de palabras co saúdo nazi Heil Hitler! En alemán, heil significa felicidade e prosperidade. Referencia á utilización por parte dos fascistas de aeroplanos alemáns durante a guerra do 36 no Estado español. Un artigo aparecido na revista berlinesa Biologie und Rassenforschung (Bioloxia e análise racial), no que se sinalaba a vantaxe dos bombardeos do punto de vista da selección racial e da hixiene social, librando á sociedade dos elementos máis indesexábeis.

ALGUNHAS CUBERTAS DE LIBROS DESEÑADAS POR JOHN HEARTFIELD









21/10/07

Estoutras Notas Políticas